Plaza Mayor 1, Oficina de Alcaldía, 32005 Ourense
604 05 16 94
democraciaourensana@ourense.gal

A modificación orzamentaria para mobilizar 62 millóns de euros en infraestruturas e servizos entra en vigor

A modificación orzamentaria para mobilizar 62 millóns de euros en infraestruturas e servizos entra en vigor

modificación orzamentaria

O Concello publica no BOP de hoxe o edicto que dá conta da aprobación de expediente

O alcalde subliña que o obxectivo é “devolverlle á poboación un remanente que estaba parado no banco, en forma de obras e servizos”

A modificación dos orzamentos do Concello por importe de 62.601.389,04 euros deseñada polo goberno municipal entrará en vigor mañá, xoves, día 12 de agosto. O Concello publica no Boletín Oficial da Provincia de hoxe o edicto que dá conta da aprobación da modificación orzamentaria que pretende mobilizar recursos procedentes do remanente de tesourería e destinalos a investimentos en infraestruturas e servizos na cidade. A publicación no BOP é o trámite necesario para que a modificación sexa efectiva.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, destaca que a modificación orzamentaria persigue “devolverlle á poboación un remanente de tesouraría que estaba parado no banco, que non pintaba nada, e devolverllo á poboación na forma do que ten sentido: destinar o diñeiro público a facer obras e darlles servizos á cidadanía”. O rexedor subliña que, con esta modificación, o Concello acometerá proxectos tan importantes coma a renovación da flota de autobuses urbanos, a mellora de rúas e parques da cidade ou a renovación das áreas de xogo infantís, entre outros, de forma que “nuns meses a poboación note que ese diñeiro que estaba no banco pase a estar na cidade”.

Deste xeito, os orzamentos do Concello para o exercicio de 2021 superan os 200 millóns de euros, como consecuencia do incremento dos capítulos:

  • Investimentos reais. Medra en 43.730.409,74€, e queda en 82.207.046,95€

  • Gastos correntes en bens e servizos. Medra en 12.834.220,32€, e queda en 73.022.842,04€

  • Transferencias de capital. Medra en 4.717.337,98€, e queda en 7.391.756,13€

  • Transferencias correntes. Medra en 1.319.421,00€, e queda en 7.943.016,41€

En consecuencia, o orzamento de gastos, que ascendía a 144.706.129,81€, increméntase en 62.601.389,04 € para chegar a un total de 207.307.518,85 €

Mobilizar recursos para infraestruturas e servizos. O expediente ten como principal finalidade mobilizar recursos procedentes do remanente de tesourería e destinalos a investimentos en infraestruturas e servizos na cidade. Así, inclúe a execución de investimentos como un convenio coa Xunta de Galicia para a ampliación do Hospital Materno Infantil, á que o Concello destinará 4 millóns de euros, proxectos de mobilidade vertical (10 millóns de euros), mellora de parques infantís (4 millóns de euros), contedores soterrados (1,6 millóns de euros), renovación dos contedores en superficie (4 millóns de euros), renovación da flota de autobuses urbanos (14 millóns de euros), entre outras partidas, como a instalación de cámaras no casco antigo, radares para pacificar o tráfico e evitar accidentes, un plan de choque para o mantemento global da cidade, por importe de 4 millóns, ou os convenios con entidades sociais que desenvolven o seu labor na cidade, entre os que destaca pola súa contía o de Cáritas, por importe de 250.000 euros

Xunta de goberno local e cuestión de confianza. O proxecto de modificación orzamentaria 2P/2021 foi aprobado pola xunta de goberno local o día 24 de maio, e presentado ante o Pleno do Concello do día 9 de xuño, que rexeitou a proposta. Ese mesmo día, a Alcaldía formulou cuestión de confianza ante o Pleno, vinculada á aprobación polo Pleno da corporación da modificación dos orzamentos.

O Pleno do Concello, por cinco votos a favor, catorce en contra e sete abstencións acordou rexeitar a cuestión de confianza. En consecuencia, abriuse un prazo dun mes para a presentación dunha eventual moción de censura con candidato alternativo á Alcaldía. Logo de vencer o dito prazo sen que se presentase moción, enténdese outorgada a confianza, polo que queda aprobada a modificación orzamentaria.

Tags: , ,