Plaza Mayor 1, Oficina de Alcaldía, 32005 Ourense
604 05 16 94
democraciaourensana@ourense.gal

Apertura piscinas Oira.

Apertura piscinas Oira.

As piscinas de Oira abren este luns con control de aforo e dúas quendas para garantir a limpeza e a hixiene

A cita previa realizarase a través dunha aplicación no espazo web do Consello Municipal de Deportes.

As piscinas municipais de Oira abrirán ao público este luns, 29 de xuño, en horario partido -de 11:00 a 15:30 horas e de 16:30 a 21:00 horas-, con novas medidas de seguridade e con control de aforo. Así o explicou esta mañá Mario Guede, concelleiro de Deportes, nunha visita ás obras de posta a punto destas instalacións, moi prexudicadas polas choivas da fin de verán e perante o novo escenario tralo estado de alarma provocado pola COVID19.

A Xunta de Galicia decreta que só poderá ocuparse o 75% do aforo, polo que serán 500 as persoas que simultaneamente poidan estar gozando dese espazo -1.000 ao día-. Farano logo de solicitar cita previa nunha aplicación web desenvolvida polo Consello Municipal de Deportes (CMD), actualmente en fase de proba -o luns 29 e o martes 30 de xuño non estará operativa, polo que o control de aforo será por orde de chegada-, e en dúas quendas horarias, de modo que se poida realizar unha limpeza intensiva do espazo.

En todas as instalacións haberá paneis explicativos, instrucións por megafonía e control na entrada e na saída, xa que esta deberá facerse por lugares diferenciados. Así mesmo, o servizo de vixilancia -tanto os socorristas coma o persoal contratado para a ocasión- explicará aos usuarios todas as dúbidas que poidan xurdir durante os primeiros días, no relativo ás medidas de seguridade coma ao funcionamento do servizo de cita previa.

Aplicación en probas. O CMD desenvolveu unha aplicación web desde a que se poderá solicitar o acceso ás piscinas, que é gratuíto. Pero haberá certas regras: poderán facelo un adulto e un máximo de 3 menores; non se poderá solicitar dous días seguidos, para facilitar a circulación de xente nas piscinas; e tampouco se poderá reservar a un mes vista. En calquera caso, as regras irán cambiando en función das novidades en materia de hixiene e seguridade. Estará dispoñible no espazo web do CMD: www.deportesourense.com

Limpeza e control constante. A apertura das piscinas, lembrou Mario Guede, será posible grazas ao persoal do CMD, a Policía Local e a Concellería de Medio Ambiente. O responsable desta última, Jorge Pumar, aseguraba durante a visita que haberá “un operativo específico para manter limpas as instalacións e para desinfectar toda a contorna”. O Concello velará por que se cumpran as medidas de seguridade, pero tamén se apela á responsabilidade individual dos usuarios, xa que se trata dunhas instalacións gratuítas, para evitar situacións de risco.