Plaza Mayor 1, Oficina de Alcaldía, 32005 Ourense
604 05 16 94
democraciaourensana@ourense.gal

Hoxe é San Martiño, Patrón de Ourense. Feliz día!

Hoxe é San Martiño, Patrón de Ourense. Feliz día!

Hoxe debía ser o día grande de Ourense, San Martiño. Amais do monte, amais do magosto no parque Barbaña, a zona dos viños e a Praza Maior debían ser un bulir incesante de ourensáns coa feira das 4 D.O. de viño, coa festa que preparabamos, chea de actividades musicais e teatrais pola cidade, mellorando a experiencia do 2019.

Non puido ser, a Covid-19 tiña outros plans para nós. O Home propón, Deus Dispón.

Como alcalde, nin sequera poderei facer a tradicional ofrenda a San Martiño na Catedral, como xa fixera o ano anteiror. Cancelouse fai 6 días.

Dende aquí, comparto as palabras que debía pronunciar hoxe na Catedral de Ourense.

Querido Patrón San Martiño

Comparezo por segunda vez ante ti para trasladarche o agarimo e a gratitude dos veciños e das veciñas da nosa cidade, que desde vai séculos goza do teu padroado e protección. Renovamos un ano máis, no teu día, os votos e os lazos que unen esta humilde cidade co seu patrón, no que sempre tivemos un exemplo de bonhomía e xenerosidade que nos honra seguir.

Mais non é este un ano máis. Sabémolo todos.

Este ano 2020 presentouse coa situación máis dramática que nunca até o de agora nos tocara vivir. A pandemia orixinada pola COVID-19 deu lugar a unha crise sanitaria como non se coñecera no mundo contemporáneo, que se espallou por todo o planeta, ocasionando morte, sufrimento, soidade e infelicidade.

2020 cambiou as nosas formas de vida, os nosos hábitos, as nosas relacións sociais, os nosos máis íntimos sentimentos. Privounos da compañía de moitos dos nosos veciños e das nosas veciñas. Segou vidas e rompeu familias. E fíxoo cunha terrible crueldade. Moitas persoas morreron soas, privadas da cercanía dos seus seres queridos.

A pandemia mantívonos illados, por un tempo confinados nas nosas casas. E aínda hoxe segue a ternos separados da vida que nos gustaría vivir.

Desde que nos sorprendera a pandemia, vivimos nunha constante situación de preocupación, de inseguridade, de incerteza, de medo, que nos fai temer pola nosa saúde, pola dos nosos seres queridos.

Este é un ano dramático, que tristemente nunca esqueceremos.

Pero por desgraza, non vivimos só unha crise sanitaria. A pandemia cambiou a nosa sociedade, os nosos hábitos de socialización, destruíu riqueza e emprego, pechou empresas, xerou desigualdades, desprotexeu os máis necesitados.

Vímolo en todo mundo, mais con especial dureza, pola proximidade, tamén na nosa cidade. Afrontamos un drama maiúsculo e, unha vez máis, a situación mais difícil fixo agromar a mellor faciana dos nosos veciños e das nosas veciñas.

Nunca me cansarei de darlles as grazas a todas e cada unha das persoas que se involucraron nestes tempos tan difíciles. Que deron todo canto estaba nas súas mans para axudar a quen o precisaba:

Falo do noso persoal sanitario, que coidou dos nosos doentes. Dos corpos e forzas de seguridade do estado, que velaron por todos nós. Falo dos voluntarios de protección civil, que atenderon a domicilio a quen llo requiría. Dos profesionais dos servizos sociais, que se ocuparon da atención do sector máis fráxil da sociedade.

Quero agradecer tamén, como non, a entidades como Cáritas Diocensa, que redobrou esforzos para darlle resposta a unha extraordinaria demanda no comedor social, espazo de acollida que lle puxo cara de persoa ao drama.

Non esquezo os colectivos profesionais, os autónomos e os empresarios, que pelexan duramente por manter a súa actividade en tempos tan complicados, para seguir xerando riqueza e mantendo o emprego na cidade. Con toda esta xente temos unha débeda de gratitude.

Ser alcalde deume a oportunidade de ver esta realidade dunha forma máis cercana e directa. Permitiume tomar conciencia do moito que vale a nosa xente: faime sentir aínda máis orgulloso dos meus veciños e veciñas.

Estamos xa en novembro, pasaron xa moitos meses, mais só levamos percorrido unha parte do camiño. As consecuencias desta pandemia que non dá respiro perdurarán poñendo en risco non só a saúde senón tamén a calidade de vida e o benestar da nosa veciñanza.

Afrontamos o reto máis grande que lle tocou vivir á nosa xeración.

E por iso comparezo ante ti. Para rogar a túa protección e apoio ante este descomunal reto. Comparezo en nome da veciñanza de Ourense con humildade, con resiliencia e con esperanza.

Con humildade, porque somos conscientes de que as cousas non pasan nunca por casualidade.

Porque sabemos que esta pandemia ten motivos, e como sociedade debemos preguntarnos por eles.

Seguramente a relación que temos co noso planeta non é allea a esta pandemia. Seguramente a fortaleza dos nosos servizos sanitarios e sociais non é tanta como pensabamos. E seguramente a forma en que afrontamos a crise, vistos os resultados, non foi a máis adecuada. Temos moito do que aprender.

Comparezo tamén con resiliencia, pois aínda debilitados pola traxedia, podemos e debemos sentirnos reforzados como sociedade polo extraordinaria exemplo que nos dan día tras día as nosas xentes, para non caer vítimas do desalento e a tristura, sacar forza de fraqueza e seguir sendo, malia as circunstancias, a mellor versión de nós mesmos.

E con esperanza, porque chegarán tempos mellores. Este ano 2020 pasará, e estou seguro de que dará paso a un futuro no que confío, daremos pasos adiante.

Axúdanos a ser a mellores, querido patrón. Cómpre que os que temos responsabilidades de goberno sexamos quen de facer as cousas con acerto.

Cómpre que o tecido social e económico da nosa cidade siga sendo exemplo de tesón e fortaleza. Cómpre que todos e cada un de nós sexamos bos profesionais, bos veciños, bos amigos, boas nais, pais, fillas ou netos: boas persoas, en definitiva.

Acadaremos o noso obxectivo ollando con reverencia ao noso patrón, modelo e referente de xenerosidade e bonhomía, inspirador das xentes boas e xenerosas que viven nesta cidade.

Imos saír desta. E será cun esforzo titánico. Pero sempre coa túa protección, querido patrón.

Tags: , ,