Plaza Mayor 1, Oficina de Alcaldía, 32005 Ourense
604 05 16 94
democraciaourensana@ourense.gal

O Concello pon fin á concesión da explotación de MUPIs na cidade e retiráraos do espazo público [AUDIO]

O Concello pon fin á concesión da explotación de MUPIs na cidade e retiráraos do espazo público [AUDIO]

MUPIs en Ourense
  • O Concello retirará os máis de 120 elementos de publicidade en papel e pantallas dixitais, deixando só os indicadores de hora e temperatura
  • A cidade liberarase destes elementos que producían unha grande barreira arquitectónica, contaminación visual, feísmo e perigos para o tráfico, afirma o alcalde

O Concello de Ourense deu por rematada a concesión de explotación de mobiliario urbano publicitario (MUPIs) e eliminará os máis de 120 elementos, entre eles 4 grandes pantallas dixitais, que se atopan instaladas actualmente nas rúas, parques e prazas da cidade. Ourense será a primeira cidade española MUPIs-Free.

O pasado sábado, 21 de novembro, rematou a concesión outorgada en 2016 a unha empresa para explotar publicitariamente estes elementos e o Concello, tal e como anunciara o alcalde no mes de maio, non a renovará.

Gonzalo Jácome explica que as pezas de publicidade en papel e pantallas dixitais producían unha “gran barreira arquitectónica”, xa que impiden gozar do espazo público da cidade, non só o que ocupan fisicamente, senón tamén o da súa contorna: obrigan as persoas que camiñan pola rúa a ter que rodealos e desviarse dos seus itinerarios. Tamén producen “contaminación visual, xa que obstaculizan a visión dos escaparates dos comercios”, ademais do feísmo ao atoparse en rúas, parques e zonas verdes cuxa estética deterioraban”. No caso das pantallas dixitais, ocasionaban tamén perigos de seguridade viaria, xa que podían distraer a atención dos condutores.

A cambio, a concesión só lle reportaba uns ingresos duns 150.000 euros ao Concello, explica o rexedor, “que non compensan os danos que ocasionan os MUPIs”. Tamén explica: “non temos que utilizar o espazo público para anunciar publicidade cando xa existen vías convencionais, como os medios de comunicación”, prensa e radios locais, principalmente. Cumpre engadir que a empresa concesionaria era foránea.

Xa en 2018, Democracia Ourensana levara a Pleno esta iniciativa, sendo aprovada pola maioría. A proposta aprobada di: “que o Concello de Ourense proceda con carácter urxente e prioritario a eliminar os Mupis que supoñan unha barreira arquitectónica e cancelar o prego de contratación en curso. Comprometéndose asemade a instalar coa maior celeridade posible Taboleiros de Barrio que serán xestionados polas diferentes asociacións de veciñas para o seu uso como soporte de difusión, divulgación e expresión”.

O Pleno do Concello, por once votos a favor dos grupos municipais de Democracia Ourensana e Ourense en Común, dez votos en contra do grupo municipal do Partido Popular, e seis abstencións do grupo municipal do PSdeG-PSOE, aprobouna nos termos da emenda.

Tags: , ,