Plaza Mayor 1, Oficina de Alcaldía, 32005 Ourense
692 069 096
democraciaourensana@ourense.gal

Ciudad de los Muchachos: La Leyenda Renace

Ciudad de los Muchachos: La Leyenda Renace

O alcalde e membros do goberno coñecen de primeira man o proxecto de recuperación do xerme de Benposta-Ciudad de Los Muchachos.

O presidente da asociación Cultural Padre Silva, Bartolomé Pidal, destaca a necesidade de revitalizar o importante legado educativo e cultural

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome e diversos concelleiros, trasladáronse no día de onte a Benposta, onde tivo lugar a presentación do proxecto de recuperación da Escuela Circo de los Muchachos. Os impulsores do proxecto, co presidente da Asociación Cultural Padre Silva, Bartolomé Pidal, á cabeza, explicáronlles o seu desenvolvemento. A presentación contou tamén co respaldo de diversos axentes implicados, como a empresa Alfer.

A Escuela Circo de Benposta-Ciudad de Los Muchachos reiniciou a marcha para darlle forma ao proxecto de recuperación do que foi o xerme do circo en España. Os artífices da idea, entre os que destacan o director artístico Mustafá Danguir e o presidente da Asociación Cultural Padre Silva, Bartolomeu Pidal, queren devolverlle a Ourense o esplendor artístico, cultural e patrimonial que supuxo ver nacer a primeira escola-circo de España, nos anos 60 do pasado século, e predecesora do Circo do Sol. “A debilidade que hoxe atravesa o Circo do Sol e o potencial deste espazo e a súa historia, lémbrannos a importancia deste proxecto”, sinala Bartolomeu Pidal. “Trátase dunha proposta colectiva na que representantes artísticos, políticos e empresariais traballaremos man a man para reconstruír o ‘edificio’ que nos inspira”, engade.

A creación de escolas taller, que sigan o exemplo doutras de referencia como a de Carampana, de Madrid; Rogelio Rivel, de Barcelona; a portuguesa Chapitô ou o Centro de Artes do Circo de Lido en Toulouse, será o eixo central da renovada Benposta, capaz de atraer mozos e mozas de diferentes puntos para formarse na arte do circo e nos valores que impulsou no seu día a emblemática Ciudad de Los Muchachos. Obradoiros de diferentes disciplinas artísticas, tendas, exposicións, centro educativo de formación profesional ou espazos para coworking figuran tamén nos plans para dotar de contido a nova Benposta. un espazo de interese artístico, formativo e cultural con marca ourensá e aberto ao mundo.

—Reactivar Benposta e a Ciudad de Los Muchachos—

O acto de hoxe supón un paso máis na recuperación de Benposta como proxecto de envergadura, iniciado xa a comezos do pasado ano coa inauguración do Museo Circo de Los Muchachos. no centro da cidade.

A revitalización do proxecto de Benposta é o obxectivo principal da Asociación Cultural Padre Silva, que se constituíu como unha plataforma cidadá coa finalidade de promover a recuperación deste proxecto histórico organizando e fomentando diferentes actividades culturais, educativas, formativas, artísticas e deportivas e poñendo en valor os recursos e instalacións de Benposta, mantendo viva a memoria e a actividade da emblemática Ciudad de Los Muchachos.
Desde a Asociación Cultural Padre Silva preténdese reactivar este legado educativo e conseguir así que esta obra e este proxecto non se reduzan só a un recordo do que no seu día foi a cidade, ese espazo socio-educativo de integración e formación que deu a volta ao mundo e que tantas oportunidades lles abriu aos mozos con menos posibilidades.

Galería de fotos