Plaza Mayor 1, Oficina de Alcaldía, 32005 Ourense
692 069 096
democraciaourensana@ourense.gal

Máxima sintonía entre o Concello e a Universidade de Vigo para proxectos no ámbito formativo e a investigación.

Máxima sintonía entre o Concello e a Universidade de Vigo para proxectos no ámbito formativo e a investigación.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa mantiveron esta mañá unha xuntanza na Alcaldía na que avanzaron en diferentes liñas de colaboración entre ambas institucións destinadas ao reforzo da oferta formativa do campus de Ourense e ao desenvolvemento de proxectos como o futuro Centro de Intelixencia Artificial.

Foi unha “frutífera reunión”, en palabras do alcalde, na que o reitor lle comunicou a intención da Universidade de que no curso 2020/2021 poda comezar a titulación de Relacións Internacionais no campus de Ourense. Neste senso, e ante a necesidade e premura de disposición de ubicación, o alcalde comprometeu que o Concello facilicitará espazos axeitados para que comecen as clases durante os seus primeiros cursos.

A xuntanza serviu tamén para “afianzar a cooperación clara” da Universidade de Vigo co proxecto de centro de intelixencia artificial que promove o Concello, sobre o que proximamente o alcalde manterá novas xuntanzas co director da Escola de Informática, ademais de analizar a situación actual do panorama científico e as potencialidades da Universidade, nunha visita que o alcalde cualificou “de élite”.

Pola súa banda, o reitor agradeceu a “excelente receptividade” do Concello ás necesidades da Universidade de Vigo no campus de Ourense, e expresou a súa satisfacción por ter unha nova titulación “que engade potencialidade ao noso campus e vai estar moi relacionada con titulacións que xa se imparten aquí en Ourense”.

Sobre o Centro de Intelixencia Artificial, o reitor dixo que é “un proxecto de cidade moi interesante que pode xenerar moitas sinerxías coa nosa escola de informática”, polo que, dixo Reigosa, “estamos dispostos a apoiar o proxecto e esperamos que sexa un éxito para a cidade, para a cidadanía e para as dúas institucións”.